Argumento

Sinopse Máis ca Vida

“Máis ca Vida” recolle dende un enfoque realista e natural todo aquelo que de maneira indirecta contribuíu á creación da curtametraxe “Vida”. O documental plasma en imaxes os momentos de ensaios aos que tiveron que enfrontarse estes rapaces e rapazas de cara á rodaxe, en ligazón as súas testemuñas, sentimentos e reflexións. Todo elo cunha narrativa enteiramente positiva, saudábel e moi divertida. Estas experiencias vividas foron as determinantes para o desenvovemento do guión da curtametraxe que relata dunha maneira “realista” o día a día do mundo que os rodea. Os dous proxectos están estreitamente ligados ofrecendo un novidoso formato que transportará ao espectador a un mundo de emocións no que poderá descubrir que a ficción e a realidade destas dúas obras van collidas pola man.

 

Sinopse Vida

Entre finais dos anos 60 e principios do ano 2000, entre o Ourense rural e o Ourense urbano, transcorren as vidas de dúas familias unidas polo destino. Nunha pequena aldea, unha familia humilde prepárase para un gran acontecemento familiar. O destino, as casualidades, as forzas fan dese momento tan esperado un verdadeiro calvario para uns e unha proba de vida para outros. Nun piso, no centro da cidade, a tranquilidade dunha nai vese truncada polo desexo dunha das súas fillas de querer voar soa. Pablo (38 anos) é un rapaz con discapacidade que actualmente traballa nos servizos de limpeza da cidade, empeza a valorar a posibilidade de emprender un soño en solitario. Elena (32 anos) é unha moza con discapacidade que se enfronta a unha proba vital para tomar unha das decisións máis importantes da súa vida, na que entran en xogo vida, morte, paixón, egoísmo, medos e perdón. Pablo atoparase cun pasado cheo de ausencias e rancores que o prepararán para un futuro de perdóns e ilusións.