Seleccionar página

O Centro Cultural Ángel Valente acolleu esta mañá a presentación dos tráilers do proxecto audiovisual “Máis ca Vida” e “Vida”, do director e actor galego Rubén Riós, quen agradeceu as achegas para que esta iniciativa sexa realidade, así como o ímprobo traballo dos verdadeiros protagonistas, que por unha vez deixan de ser suxeitos pasivos. No acto estiveron presentes, ademais do propio director, a concelleira de cultura Belén Iglesias, quen valorou a iniciativa de Riós ao tempo que anunciou o importante esforzo que o Concello fai e vai facer no futuro en favor da inclusión social; o director de programación do Festival de Cine, César Silva, máis o actor e actriz protagonista, Óscar Rodríguez e Mónica Ferreiro, respectivamente.

Logo dun ano de ensaios e traballo con persoas deste colectivo con capacidades diferentes, o director percatouse das súas inmensas gañas de amosar ao mundo o que son capaces de facer. O seu espírito, forza e traballo en equipo foron o detonante para a realización de dúas grandes obras audiovisuais: “Máis ca Vida e Vida”, un formato pioneiro que transportará o espectador a un mundo de emocións. Segundo avanzou Rubén Riós, a estrea agárdase para os próximos meses de xaneiro ou febreiro.

O documental “Máis ca Vida” recolle as testemuñas reais do día a día que rodea ás persoas con capacidades distintas. Deste xeito, as imaxes que integran este produto audiovisual plasman os ensaios realizados de cara á rodaxe, nos que poden contemplarse os medos, alegrías, interrogantes, dificultades ou fatigas aos que tiveron que enfrontarse estes mozos e mozas. En definitiva, os seus sentimentos.

Unha vez coñecidas as inquedanzas dos protagonistas, o documental convértese nunha ferramenta idónea para contribuír a plasmar en papel todos os elementos necesarios para a creación das tramas do guión de “Vida”, unha obra de ficción creada por e para eles.

Así, “Vida” mestura a arte, entretemento e comunicación, cunha clara mensaxe social a prol da fortaleza e superación do colectivo ao que pertencen os protagonistas. Convértese na primeira experiencia audiovisual destas persoas, que, mediante a súa interpretación, trasladarán o espectador dunha maneira lúdica, positiva e realista, as diferenzas sociais existentes, invitando ao público á reflexión.

Esta obra de ficción conta ademais cun reparto artístico excepcional, integrado por actores e actrices recoñecidos como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera ou Luis Iglesia, entre outros. Mariana Carballal e Estíbaliz Veiga estiveron tamén na sala no momento da presentación, acompañadas polo equipo do proxecto vida e familiares e amigos do colectivo.

Ler a noticia enteira: Diario La Región