Seleccionar página

O Ánxel Valente acolleu esta mañá a presentación do cartel oficial e dos trailers de Vida e Máis ca Vida, no contexto do Festival de Cine de Ourense

Ourense, 16 de novembro de 2015. O Centro Cultural Ánxel Valente, acolleu esta mañá ás 13.00 horas a presentación dos trailers do proxecto audiovisual Vida, do director e actor galego Rubén Riós.

Vida é o resultado dun ano de ensaios e traballo ao redor dun colectivo e rapazas con capacidades diferentes e cunhas inmensas ganas de amosar ao mundo o que son capaces de facer. O seu espírito, forza e traballo en equipo foron o detonante para a realización de dúas grandes obras audiovisuais: Vida e Máis ca Vida, un formato pioneiro que transportará ao espectador a un mundo de emocións.

O documental “Máis ca Vida” recolle os testemuños reais do día a día que rodea aos rapaces e rapazas con capacidades distintas. Deste xeito, as imaxes que integran este produto audiovisual plasman os ensaios realizados de cara a rodaxe, nos que se poden contemplar os medos, alegrías, interrogantes, dificultades, fatigas… etc aos que tiveron que enfrontarse estes mozos e mozas. En definitiva, os seus sentimentos.

Unha vez coñecidas as inquedanzas dos protagonistas, o documental convértese nunha ferramenta idónea para contribuír a plasmar en papel todos os elementos necesarios para a creación das tramas do guión de Vida, unha obra de ficción creada por e para eles.

Así, a obra de ficción “Vida”, mestura a arte, entretemento e comunicación, cunha clara mensaxe social a prol da fortaleza e superación do colectivo ao que pertencen os protagonistas. Convértese na primeira experiencia audiovisual destas persoas, que, mediante a súa interpretación, trasladarán ao a espectador dunha maneira lúdica, positiva e realista, as diferenzas sociais existentes, invitando ao público á reflexión.

Vida, conta ademais cun reparto artístico excepcional, integrado por actores e actrices recoñecidos como: Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera ou Luis Iglesia, entre outros. Estes tres últimos estiveron tamén na sala no momento da presentación, acompañados polo equipo do proxecto vida e familiares e amigos do colectivo.